4 ago 2009

Un traballo didáctico pon en valor a parroquia de Saxamonde


POR SAXAMONDE. POSIBILIDADES DUNHA SAÍDA DIDÁCTICA
Ao longo dos últimos meses, a Asemblea Veciñal contra o Polígono Industrial Mos-Redondela ten diversificado as súas accións en contra do proxecto de zona industrial : as alegacións iniciais, atendendo aos prazos e formas ditados pola administración, as protestas na rúa en forma de manifestacións e concentracións nos plenos, o envío masivo de cartas aos responsábeis políticos, as reunións con eses mesmos responsábeis ou as charlas informativas realizadas en todas as parroquias directamente afectadas, son unha mostra do amplo abano de recursos de protesta despregado polo colectivo. As capacidades, vontades e recursos utilizados exceden calquera previsión inicial. A certeza de contar con sólidos argumentos a diversificar a diversificar a loita e ampliar as frontes nas que situar a problemática.
Así, o pasado 26 de Maio, na Casa Cultural do Chan das Pipas, en Saxamonde, o colectivo presentou: "Por Saxamonde. Posibilidades dunha saída didáctica", unha nova acción que pretende permanecer no tempo e contribuír ao seu obxectivo mediante a valorización social do entorno que se pretende destruír coa construción do Polígono Industrial. O volume "Por Saxamonde..." é un traballo dirixido, principalmente, a Centros Escolares que amosa diferentes aspectos da Parroquia de Saxamonde. Realizada desde a rigorosidade de profesionais do ensino e diferentes especialistas,a proposta está dividida en oito capítulos, correspondentes a materias escolares (Historia, Xeografía, Ed. Física, Ciencias Naturais, Tecnoloxía, Ed. para a Cidadanía e Plástica).
Cada un dos capítulos está divido en dúas partes. A primeira dedicada á exposición dos contidos teóricos sempre en relación coa contorna da parroquia e, a segunda, con propostas de actividades para traballar tanto na aula como no campo. Todos os capítulos incorporan un apartado de glosario para facilitar a comprensión dos seus contidos. Xunto coas materias, ofrécese a posibilidade de percorrer catro rutas con destino ao lugar do Chan das Pipas, en Saxamonde. Cada ruta está acompañada dunha guía cos elementos máis salientábeis a observar e traballar co alumnado. O traballo presentado é unha iniciativa inédita na comarca e supón unha mostra máis da necesidade de coñecer o noso entorno en profundidade como paso necesario para a súa valorización e a reflexión sobre o seu futuro. Tal e como escriben os autores, “Con esta publicación pretendemos axudar á comunidade escolar e ao conxunto da poboación a coñecer a realidade de Saxamonde e a súa contorna con maior detalle. Consideramos que toda decisión sobre proxectos das dimensións e consecuencias do Polígono Industrial Mos-Redondela ten que estar acompañada do coñecemento do lugar que se pretende ocupar. Esta é unha ferramenta que nos permite elaborar criterios, coñecermos e valorarmos o entorno de Saxamonde, primeiro paso para construírmos un futuro de benestar.”
(premendo na foto terás acceso ao traballo)
A frase de hoxe:
"A desvalorización do mundo humán crece en razón directa da valorización do mundo das cousas" (Marx, Karl)


2 comentarios:

  1. Un excelente traballo que supon a melhor inversion no principal eixe da riqueza: o conhecemento propio e integral no entorno.

    noraboa.Clem

    ResponderEliminar