21 ene. 2009


A Asemblea Contra o Polígono Mos - Redondela informa aos veciños das parroquias Vilar e Louredo, afectados polo polígono:

Un grupo de membros da Asemblea Contra o Polígono desprazouse a ditas parroquias o sábado 17 pola tarde e o domingo 18 pola mañá para explicarlles aos seus veciños polo miúdo as consecuencias do proxecto de Polígono Industrial. O proxecto en cuestión nace como Plano Sectorial transformándoo nun proxecto de ámbito supra municipal o que serve de coartada para que os respectivos Concellos aleguen falta de competencia no asunto e non informen ao tempo que alonxa aos veciños dos órganos de decisión.

Nas asembleas informativas, presenciadas por medio centenar de veciños das respectivas parroquias ficou claro o descoñecemento que os mesmos teñen do proxecto e das súas consecuencias. No caso de Vilar, ignoraban a localización dun depósito de auga de 3.000 m3 no lugar da Fonte da Lata, ao pé da pista do aeroporto, que abastecerá ao polígono e cuxa condución terá que atravesar a parroquia. Neste sentido, as asembleas serviron para mostrar os efectos da hipotética construción do polígono industrial na zona prevista. Do mesmo xeito, coas numerosas vivendas que circundan a zona afectada fixo constatar o errado do argumento de situar este tipo de infraestrutura na zona e a necesidade de implantar as conseguintes actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas en lugares alonxados dos núcleos residenciais. As poboadas parroquias de Vilar, Louredo e Saxamonde contradín tal suposto, contido na base do proxecto debatido, e demostran o descoñecemento de Xestur da zona elixida..

Despois da experiencia de Vilar e Louredo, a Asemblea Contra o Polígono Mos-Redondela continúa a súa labor informativa na parroquia de Guizán, no veciño concello de Mos. Así, o vindeiro
día 25 ás 11:30h no Centro Recreativo de Guizán (Plantel) convocan outra asemblea informativa.
Do mesmo xeito, cada venres ás 20:30 seguimos a reunirnos na Casa Cultural do Chan das Pipas onde se debate e deciden as próximas accións.



A frase de hoxe:

A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar logo os remedios equivocados. (o gran Groucho Marx)

15 ene. 2009

Volvemos con forza: A Asemblea Contra o Polígono Industrial Mos-Redondela informa aos veciños



Despois das últimas mobilizacións do pasado mes de decembro, a Asemblea Contra os Polígono Industrial Mos-Redondela continúa a súa campaña de información sobre os prexuízos do proxecto. Transcorridos case tres meses dende a presentación das case 600 alegacións ante Xestur, e máis de cinco dende a publicación do proxecto de parque industrial, ningunha administración se ten dirixido aos veciños das parroquias afectadas para informar sobre as consecuencias de dito proxecto. O polígono de 760.000 m2 que se pretende construír na intersección das parroquias de Vilar de Infesta, Saxamonde (Redondela) e Louredo (Mos) tería graves consecuencias en termos de contaminación acústica, atmosférica, lumínica, destrución da paisaxe, eliminación de mananciais comunais, incrementa o tráfico en máis de 2000 coches e case 550 camións diarios, afeccións ao Camiño Portugués e á Vía Romana que percorren por ditas parroquias e outras consecuencias sobre a poboación, xa que extrema con zonas residencias, medio ambiente e patrimonio cultural.

A Asemblea Contra o Polígono Industrial Mos-Redondela considera un desprezo cara os veciños e unha falta de valentía o silencio dos Concello de Mos e Redondela e de Xestur polo que toma a iniciativa e informa directamente aos veciños máis afectados. Así, organiza dúas asembleas informativas nas parroquias de Vilar de Infesta e Louredo. A primeira terá lugar o próximo sábado 17 ás 20:00 horas no Centro Cultural da parroquia de Vilar de Infesta. A segunda asemblea desenvolverase o domingo 18 ás 12 _da mañá no Centro Cultural da parroquia de Louredo no Concello de Mos.

Nas convocatorias, o colectivo dará conta das principais afeccións que se derivarían da execución do proxecto de polígono industrial. Tamén informará sobre as accións levadas a cabo pola Asemblea así como de futuras iniciativas.